A contaminación diminúe río abaixo no Eo e na ría de Abres a auga cumpre cos valores de referencia

A CHC precisa que as mostras confirman "a contaminación orgánica e de tipo fecal" nos tres quilómetros do Ouria afectados e mais nos dous primeiros do Eo trala confluencia co afluente

Ría de Abres. GOOGLE MAPS

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC) fixo públicos este xoves os primeiros resultados das mostras tomadas trala vertedura de xurro que afectou ao Eo, segundo as cales a contaminación diminúe río abaixo e na ría de Abres a auga cumpre cos valores de referencia.

O CHC precisa nun comunicado que “as mostras realizadas os pasados días 26 e 27 confirman a contaminación orgánica e de tipo fecal” nos tres quilómetros do Ouria afectados e mais nos dous primeiros quilómetros do Eo trala confluencia co afluente, ata a Ría de Abres.

Nese punto, no límite entre os municipios de Vegadeo e Trabada, os resultados “cumpren cos valores de referencia que establece o Reglamento do Dominio Público Hidráulico“. “Apreciase unha notable redución da contaminación respecto dos puntos situados augas arriba”, engade a nota, que tamén destaca a boa evolución das mostras dun día para outro.

TRES NOVAS BARREIRAS ANTICONTAMINACIÓN

O organismo hidráulico informa ademais de que “se instalarán tres novas barreiras de protección no río Ouria”, que se suman as seis instaladas na confluencia entre o rego e mailo Eo, en Abres.

A CHC di tamén que iniciou “a limpeza dos residuos acumulados nos lados do cauce do Ouria, principalmente na zona alta”.

Ademais, coordina a retirada dos residuos que quedaron na ladeira pola que escorreu o xurro, onde as tarefas de limpeza comezaron este mércores.

REAPERTURA DA PRODUCIÓN NA RÍA DE RIBADEO

Este mesmo xoves, a Dirección Xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias decretou a reapertura da zona de produción da ría de Ribadeo para todas as especies explotables.

Segundo expón o Goberno asturiano nun comunicado, decide a reapertura “tras verificar que as condicións sanitarias das que goza a zona non se viron afectadas pola vertedura”.

O Principado explica que decretou o peche cautelar da zona “mentres o laboratorio de Saúde Pública realizaba as análises” correspondentes, unhas probas que “ratifican que se mantiveron os niveis previos de produción de bivalvos da ría”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here